O pasado 8 de xaneiro recibimos a visita do escritor Antón Riveiro Coello, como un agasallo de Reis atrasado, pero moi agardado pois léramos no primeiro trimestre a novela As rulas de Bakunin. Non temos moitas oportunidades de escoitar os escritores e escritoras que lemos, polo que foi moi especial escoitar o relato dos camiños que o levaron á literatura, algúns ben curiosos, e tamén a explicación de como foi construíndo a novela. Aínda quedou tempo para algunhas preguntas, pero moitas delas quedaron sen facer, polo que con esta pequena entrevista procuraremos as respostas.

– En primeiro lugar mostrarlle o noso agradecemento por ter estado con nós e de aí xorde a primeira pregunta: fas moitos centros escolares? Que recibe do contacto cos seus lectores e lectoras?

Dende o ano 2000, grazas a novelas como As rulas de Bakunin, tiven a posibilidade de visitar moitísimos centros escolares do país para falar co alumnado e abandonar o cuarto escuro da creación. Esa aproximación a quen te le sen prexuízos deume unha nova visión sobre a miña obra e os meus personaxes. Non me cabe dúbida de que son mellor escritor grazas a ese alumnado que sinalou o que para eles eran acertos ou erros nos meus libros.

– Cando escribe literatura pensa en quen o pode ler? Condiciona iso a súa escrita?

Non. Iso só o fixen nun par de ocasións que quixen situarme nunha idade determinada. Orhan Pamuk di que escribe primeiro para os turcos e despois para o resto do mundo. Reducindo aínda máis esa pretensión, eu escribo primeiro para a xente da Limia e as persoas que coñezo e despois para o resto do mundo. Non sei. Nin tan sequera As rulas foron pensadas para un público concreto e unha idade receptora. De feito, sospeitaba que esta novela podería traer algún éxito na crítica e gañar algún premio, como así foi, pero nunca se me pasou pola cabeza que a puidese ler un alumnado mesmo de 4º de ESO. Foi toda unha sorpresa, de verdade.as rulas

– Contounos que despois de gañar moitos premios decidiu non volver a facelo, pero recentemente recibiu o Torrente Ballester polas novela O paraíso dos inocentes. Por que cambiou de opinión e que representa para vostede esta nova obra?

Os premios teñen a súa función e a min abríronme o camiño dunha editorial importante como Galaxia, que era o que quería. Así, dende primeiros deste século, non volvín someter ningún dos meus textos a ningún xurado. A miña preocupación exclusiva era a obra e foi fundamental a aparición do editor Carlos Lema, unha sorte de axuda profesional para min. A súa ollada lectora sempre pesou á hora de depurar as miñas novelas. E desa relación coido que saíron os meus mellores textos. Decidín presentarme con O paraíso dos inocentes porque coincidiu que o traballo de edición xa estaba feito e porque sospeitaba que o xurado non detectaría quen era o autor que estaba por tras desta novela durísima, que desenvolve temas tan actuais como a guerra de Siria e a crise dos refuxiados. O paraíso dos inocentes, dalgún xeito, formará parte, xunto coas Rulas e Laura no deserto, dunha serie de obras co pano de fondo das guerras. Agardo que esta novela teña a mesma sorte que as outras dúas.

– As rulas de Bakunin é un libro que nos gustou, aínda que nun primeiro momento nos resultou difícil  polos saltos cronolóxicos. Como concibiu a estrutura?

A estrutura das novelas é o que máis traballo nos meus libros. Penso que se o edificio está ben construído é máis doado habitalo. Con todo, a técnica, por moi complexa que sexa, ten que estar sempre ao servizo de quen le. No caso das Rulas, presentara a novela ao premio García Barros cun taboleiro de dirección, é dicir, que se podía ler cronoloxicamente saltando dun capítulo a outro, ao xeito da Rayuela de Cortázar, pero as persoas que leron o borrador dixeron que iso era poñer en dúbida a competencia lectora, así que o deixei tal como está agora. E penso que foi un acerto porque quen le tamén crea e se sente máis cómplice porque ordena o material e a historia propostos.

– As rulas de Bakunin é a súa novela máis lida, cando menos así o din as nove edicións que ten dende que saíu. Moitas son as obras que tratan o tema da guerra civil e a posterior posguerra, pero como se lle ocorreu facelo dende a visión dun anarquista?

Pois foi o azar e tamén a miña curiosidade polo pasado. Nun principio só tiña a idea de escribir unha historia de amor durante a guerra, pero apareceu polo medio o historiador Carlos Pereira e puxo nas miñas mans toda a documentación dunha época e iso decantou a miña imaxinación e o resultado final da novela.

– As súas obras están moi apegadas á realidade, cal é a razón?

Na maioría das miñas novelas hai un aporte histórico importante e tamén experiencial, talvez por esa teima de me identificar coa terra que habito e estudar e interiorizar os símbolos do seu pasado. Coñecer o espazo a través da literatura ten tamén algo de apropiación. Por iso, o pano de fondo das novelas é fundamental para min, así como as persoas que me emprestan a súa memoria para pasala polo filtro da literatura.

– Gústanlle as novelas fantásticas ou as distópicas? Vese facendo ese tipo de narrativa?

Gústame a boa literatura e iso abonda. Dalgún xeito, a literatura tamén é distópica porque moitas veces os personaxes e as nosas realidades non son o que son senón o que nos gustaría que fosen.

– Cal é a súa relación con Vigo? Algunha vez sairá nas túas novelas? Se fose así que aspecto lle gustaría novelar?

Á parte de ser do Celta, pasei algún verán en Vigo e a miña filla maior naceu en Povisa. Talvez algún día escriba algo, porque agora a filla pequena vive aí e adoito estar moitas veces na cidade. Haberá que agardar a ver se apaño algunha historia. Se tivese que pensar en algo para Vigo, está claro que o porto estaría no centro de calquera historia relacionada coa emigración.

– Comentounos que para ser un bo escritor tamén hai que ser un bo lector. Podería facernos algunha recomendación dalgún dos libros que leu ultimamente e lle gustaron?

Por moito talento que alguén poida ter, coido que é condición indispensable ser unha persoa lectora. Eu, cando menos, canto máis leo máis escribo, talvez por pura sede de contaxio.

Os últimos libros que lin e que me gustaron son de catro escritoras: Infamia, Carrusel, Os corpos invisibles e Beleza vermella.

– No instituto estudamos fundamentalmente a autores clásicos e nunca chegamos á literatura actual. A que clásico sempre volve Antón Riveiro Coello?

Eduardo Blanco-Amor.

Agardamos volver a coincidir e se non é na vida que sexa na literatura! Moitas grazas pola visita e polo tempo dedicado á entrevista. Serás sempre benvido ao Instituto Álvaro Cunqueiro.